Arquivo da categoría: POESÍA

MÉXICO-OURENSE Rafa Becerra

a Alfonso Rodríguez, poeta

Que ten que ver
o deserto do ardente México
e unha carballeira da Galiza
baixo o peso da néboa

que ten que ver a soidade
coa soidade
os grans de area
coas follas dos castiñeiros

ten que ver
segundo os ollos de quen mira
de quen aprisiona os soños no infinito
e se atopa co deserto ou o bosque

e intimidado e acovardado
pregúntase que fai naqueles lares
onde os berros non se oen
e non hai ecos que os devolvan

ERRODIARIO minux

Erro, lapsus, fallo, falla… fenda
escapada, fuga, alborada.
Dixéronnos que os galos cantaban
polas mañás, dixéronnos non sei que do medo
mais os galos cantan a todas horas
igual que os cans que cantan ás veces
con medo… os páxaros ladran tamén
ladran os páxaros engaiolados nesa tenda
baixo a alameda.
Un día lancei a dous páxaros coa súa
gaiola encomendada ao chan dunha terraza
e ou ben voaron ou ben morreron.
Non soportaba que estiveran pechados e
despois o que estivo dentro da gaiola
fun eu pero iso xa pasou e agora como
pinchos de tortilla e bebo cervexa sen alcohol.
Liña de fuga que non se disolva no nariz
eu de neno saboreaba peta zetas.
Montaña, alborada, río, sementes
auga pura, auga envelenada.
Plásticos na lama, papeis na beirarrúa
camiño oscilando na mente.
Ti acompáñasme na viaxe celeste
ás veces non…
melancolía do tabaco entumecido
sospirando amianto
hiperactividade, hiperventilación… pasos.
Auga regadeira pasa pola miña alma
pechado no círculo que ten currunchos con espiños
a culpa das laranxas debe ser maior
que a fibra
eu visito poucos lugares
pola gorxa morre o rei… ás veces as autopistas
do internet van cada vez a máis velocidade
non leo tan rápido a Deleuze. En Bueu
leo máis. Mar calmo, que chova quinindiola
ás veces son autista e penso como na
praia da Lanzada hai morea de xente
camiñando dun extremo a outro da praia
procurando morenos e morenas? Despois
hai rapaces que pescan polbos e tamén
hai polbos na toalla.
Os políticos non tiran a toalla porque
non hai quen lles rompa o nariz. O rapaz
que se atreveu a darlle unha hostia ao Rajoy
mandárono para un centro de menores, aquí
en Ourense e iso que era familiar. Familias
hai moitas. Todos iguais, todos diferentes dí
o lema mais a lama de todos parte dos
mesmos lodos ou era dos mesmos polbos?
Inquisición, parisién, fútbol, catequese.
O colexio máis horripilante do mundo.
O meu avó estivo tres anos no cárcere nesa
época infame que aínda non se vomitou ata
quedar medianamente ben. Herdanzas, rodas,
xílgaros.
Moito trauma. Agora mesmo estou estirándome
e estrálanme todas as vértebras do corpo.
Eu teño vértebras ata na pixa.
A rúa onde vivimos lémbrame á canción
de Silvio Rodríguez, esa que dí: “Viva el
harapo, señor y la mesa sin mantel. Viva
y que huela a callejuela, a palabrota y
taller.
Nesta rúa e neste barrio hai xente de todas
as cores e ata se falan distintos idiomas
pero non me chega, gustaríame que fora moito,
moito máis. Que compensaran polo menos á
toda a xente maior autótona que vexo por todos os lados.
Aínda que agora que o penso eu tamén debo ser maior.
Algas o pelo do pé
craváchesme as tenazas
no buraco da uña
pero foi sen querer
durmiches coas gatas
e un menda tamén
choveu toda a noite
nevou en Maceda
nevou en Compostela
e estamos na primavera
andas na lama
eu en distintas prisións
entrullado de raíces
entrullado de ósos
cos músculos aletargados
co miolo amorado
a pel fría e dopada
non penetra nela ren
mais dela non sae tampouco nada
só mancho os dedos
ás veces de pintura
ás veces de verniz
imos expoñer
vóume expoñer con medo
a gorxa rota
polos xeados
río pequeno
no que collen benxamíns
cágados, algas
visóns, caranguexos americanos
quizais lontras
vimos unha o ano pasado
patos a mansalva
merlas, paporroibos
lavandeiras brancas e amarelas
e ata o martiño pescador
co seu brillo azul
vimos voar
garzas, corvos mariños
gaivotas que non son do pp
río pequeno
cheo de latas, plástico,
papeis, verquidos de todo tipo.
Pneumáticos, bidóns,
valados, ladrillos,
ferranchadas de todo tipo
río que andas na cidade
e non te podes alonxar dela
soportas o insoportable
pero das vida plena
eu mírote con mirada extraviada
con ollo birollo e sorrío.
Motor ruído de fondo
banda sonora da rúa
permanezo quedo
asténico
mais cos dedos pegoñentos
non de seme nin de semente
senón de pintura
sintética pintura que dana
a lingua-bolboreta
pintura negra de loito
lingua de loito
loito nas veas e nas carreteiras
e nas rochas do mar
o mar que está máis alá.
Hoxe unha lavandeira
colleu co seu pico pole das árbores
para un niño
e naceron patiños
facían carreiras polo río
e a barba vaime minguando
como a lúa que medra
e a lingua que pica
pica alabastros
mancho o diario e a caneta vermella
pinto cadros vila morena
e semella que chove acobardado
todo o diario está subxectivado
e envasado no pasado que verte
con substancias e é teu o meu embigo de visón
algas na mesa
a modo de mostrario
devecen por ser penduradas no fume
o fume de primavera de toxos
carreiras nas medias de calzedonia
non verás
carreiras no medio da calzada de motos
si
e a auga da baixada non é auga da traída
a auga ten cloro e sulfitos e sulfatos
eu teño co psiquiatra o sete
xa van tres veces que me cambian a data
quérolle pedir un favor
quero menos xalea real
paso de monarquías
eu quero ser zángana
sen garavata nin camisola de forza
procuraba fotos de revistas
que foran gráficas e porno
ou sexa pornográficas
só para recortar en saudade
nin en pelos púbicos
si quero escoitar esa auga
que cae chovendo contra o asfalto
diseminando burbullas polos sumidoiros.
Aquel día o cosmos
pegou no río
e caeron estreliñas
coa súa luz
na superficie da auga
escura
as lápidas ás veces brillan
e a vida nas rás das charcas
tamén
vin un cágado nunha tomba
en San Pedro de rochas
estaba quedo mais a súa cabeza
ía moi rápido
alí se reflexaban ás árbores
autótonas que se ancoraron no outono
o chan cheo de follas secas
as pedras na auga
e aquí e agora segue a chover
debe haber fútbol ou houbo fútbol
ou haberá fútbol
e sigo manchando o diario
diario de ex-fumador que voltou fumar
diario de ex-okupa… voltará okupar?
diario de ex-pontino… ?
akelarre para os teus ollos
de apátrida invencible.
Calquera sae á rúa!
non trouxen chuvasqueiro
e a pelo non o quero
polas mans cheas de pintura
de pintura negra de loito
de loito senil
abafante adoito mergullarme
en obsesións tipo redes sociais
por que os asociais teñen facebook?
ou temos, xa non sei
resulta contraditorio
ao final resulta que odiamos tanto
e aí andamos procurando aloumiños
sigo manchando o diario
diario de século vinteún
entre os ríos dunha cidade de provincias
que non son as vascongadas…
unha vez fomos a esas provincias
e vimos realmente a moita garda civil
parando carros e furgonetas
por se aparecía alguén da eta
ou por tocar as bolas sería tamén.
Ían cargados ata os dentes
daba algo de medo, a verdade
polo demais ben, moi curriño todo
e segue a chover e xa non sei que hora é?
pica a lingua e non comín peta zetas.
Os vídeos que gravo
son tremendos polo que tremo
entran nos meus ollos
os desexos de ollar
baleiros e enchidos
vermellos e verdes
fauna e flora
e ata o cemento e a xente
expóñome a taquicardias
e ataques ao corazón
por toda a ilusión que
me provoca a vida
que sempre está acompañada
da morte
porque a vida doe, pica,
ás veces espanta e ata delira
entón dase a volta á moeda
e cáeche enriba
someténdote con medo
parálise física e mental
tes que facer moita forza
para alonxar ese peso
e cando o consegues
xa non tes présa por vivir
xa camiñas arrastrado
ollando cara os lados
mirando sempre ao carón
non vaia ser que apareza
a morte outra vez
e non queres vivir
tampouco morrer
queres adecuarte a un molde
quizais non moverte demasiado
para que non che caia un raio
e así van pasando días, semanas,
e algún que outro mes, si
para de novo comezar a vivir
e vives, minguas, estiras, berras, ris
unha boa tempada
aínda non aprendiches
técnicas zen para florecer
acadar a paz e o pracer
de seguir ben mes a mes
és un pobre aprendiz
ignorante da sabiduría inxente
e necesaria para subir á montaña
ou mergullar no mar sen afogar
que lle imos facer, imos parar
non nos imos laiar porque
deseguida tildaránnos de algo, verás.

F.P. Roi Ferreiro

Autopoiesis Integral http://roiferreiro.blogspot.com.es

F.P.

F.P. — Aqui é
o Ferrol Proletário

Marchas de sombras
entre as ruas escuras
A cidade morrente habita
em rostros conhecidos
@s desconhecid@s emigram
para nom ser devorados
polo silêncio
destes mormulhos patéticos
desses berros velhos
valeiros, néscios
daqueles arraizados arredor
da casa da miséria
vivendo como pantasmas
dalgo que foram
mas que já nom voltará
aos seus corpos
cheos de vazio de espírito
dum passado perdido

F.P. — Só fica
um Furado do Paraíso

Eu caminho só
atravessando o silêncio
as praças despejadas
abaixo do ceu
gris e ennoitecido
Ando, vou, envolvido
entre paredes de ar
em que batem
ressoando
as lembranças de tantas
luitas vaas
que acabam de ser
porém derrotadas já antes
polos ventos de morte
e polas sinceras
bágoas hipócritas
d@s que nunca apreenderam
nem esqueceram
como luitar
e nom ficarom
aqui para emigrar

F.P. — Este é o destino
das Forças Prostituídas

Eu som só
outra exceiçom na soidade
vagando por essas ruas
de nadidade
e de pantasmas
como um lóstrego apagado
na rara procura
de almas por salvar-se
desejosas de sair
em verdade
desta sepultura urbana
para luitar
por um além
casando
coa pétrea noite
na esperança
de que assi renasça
o sol escurecido
que ja tem migrado
para abaixo das augas históricas
onde @s traidore/as
nom alcançam
e no silêncio da orige
vibra ainda a raiva
vive o lume criador
chamando pola vingança
aos que ainda sabem
no seu sangue
a memória
da justiça
e do por-vir

F.P. – Este é o caminho
para a Fraga Proibida

 

Escrito o 16/03/12.

MILANO BORDERLINE Paulo Hortak

Fontana

A un paso de Pinelli
saúda Chico Mendes.
Con fío de Bramante,
o cristo home é preso
a unha columna.

A entre-guerra de sempre:
na cola dos caixeiros
apóstanse patrullas militares.
Sobrio, della Francesca
rende as súas armas,
prostra os verdugos todos.

Ao pé dunha das tendas
máis careiras do mundo
un esmoleiro vello
exhibe un cartaciño:
“Non sono comunista”.
Madía leva!
Por esta pasarela
ninguén pide a papela
ás señoras de Arabia.

Milleiros de razóns…
Cinema Caravaggio.
O de Urbino
desposando á María.
Sacrificios rituais
e bispos dacabalo.
“Gesù sta arrivando!”
-non atopa consolo
a policía armada-.

Unha funda de luxo para o skate.
O de Volpedo pódese ver de balde.

Á fin, arte cinética,
ambientes estroboscópicos
para menores acompañados.
Un panóptico de escaleiras mecánicas
con serias advertencias
e dosificadores para a hixiene patria.

De certo,
a indignidade
está acampada en nós
hai moito tempo.

Maio de 2011

CAILLEACH / ORFEU CIBERNÉTICO Roi Ferreiro

Autopoiesis Integral
Na procura da «poesia do futuro» — Neo-romanticismo, anti-capitalismo, psicologia transpersonal, ciberpunk, thrash, D.I.Y. e muito ferro candente...
http://roiferreiro.blogspot.com

Cailleach

(Callegh, Ghallegh, ghallegho/a, ghall-aecia…)

Namentres non vibren as ialmas,
os corpos serán cinza morta!
(Manuel Rodríguez)

*
Em nós a velha nai berra
com verbas que chegam
até as ilhas de Homo mais dispersas

Verbas de vento e choiva,
de árvores e pedras,
que podem entender todas as terras:

*
A imaginaçom assovalhada
A mátria aldrajada
Umha diáspora de subjetividades

A nossa comunidade eterna
assulagada
no cárcere da noite pétrea

Construida sobre
as pálpebras do além-ser
e os muros de terra do Sino

*
O desatino enxerta-nos na máquina
Mergulha-nos na mentira
dum progresso que mágoa

Porque nos alonja
da unidade sem fronteiras,
da verdade da natureza mesma

El mata a vida auténtica
que agroma no bravo e sincero
A mesma que flue sagrada

Das choivas para os rios,
dos regos para as seivas
e das seivas para o sol

*
Dos montes para as carvalheiras,
esse auga refresca o sol
e abranda as pedras

Assi novos frutos e crianças
som formados e alumados
do calado pó das estrelas

Porém emigrantes de images,
desde o seu abstracto além-mar
arrenegam da ascendência e do lar

Outeam por bos destinos de escrav@s
e deixam tras de si a comum miséria,
as leiras incultas, sujas as veigas

Correm sonhando e anelam
salvadore/as afora e perdem adentro
a terra natal, ferida e famenta

*
Em moreas de cascalhos e morralha
deixam tiradas as bandeiras
que o sangue e a luita irmanarám

Farrapos de vida, refugalhos
de aspiraçons que som arrojados
e abandoados ou queimados

Baixo o feitiço do capital,
na sombra dos montes
ou em contenedores de olvido

Mas o espírito da terra brava,
ora encerrado em coraçons e paisages,
habita o fungar dos ventos

Durme coa auga luminosa
saudorosa de guerreir@s,
névoa do sol de gigantes

Nom morre nunca esse silêncio
O poder das urdidons invisíveis
que abrolha para casar co ceu

*
Nai Cailleach, agora
quito-che o teu veu nevoento
para ver-te outra vez moça

Fai por curar-me as eivas
para que poda ser ceive
e serei teu, fértil para sempre

Apesar do meu duro zoar
ainda som das origes,
um lume esquivo

e coraçom fugitivo,
terra sem civilizar
ainda quentada polo sol

Fico no claro das carvalheiras
porém vague, mutante,
junto cos hábiles e beligerantes

Nom hai no além treitos
de lugar ou tempo
que me amedrem

Nom hai no aquém furados
onde nom te encontre
já que venho das fundas fontes

*
Túsaro, bandalho, torto
Isso som para as máquinas imperiais
Mas tu sabes o que esses falares dim:

Originário, guerreiro, certo
Sentado na tua coroa de pedras
Ando polos círculos das augas

Aperfeizo-o a singular natura minha
afazendo-me à sorte de viageiro
que vai a saltos igual que as troitas

A tua voz inspira-me a viver
e o som colorido do nosso amor
fará que os povos floresçam

Farei um castro que me envolva
e arderei baixo o lume sábio
do múltiple deus artista

Cailleach, ti dis-me:
“Luita, luita com todas as forças
e entrega-me o teu vento”

Sei coa minha alma despida
que só haverá solpor no final
dos devires deste Sonho mouro

Som guerreiro do teu além
e anterga e nova, infinda,
aqui chamo-te tamém: Galiza

Escrito: 06/10/14
Revisom: 30/12/14

 

Orfeu cibernético

I

Misterioso
Orfeu cibernético
amante e profeta

Doma as máquinas
co teu canto recodificante
de harmonia
Nocturna ledícia
do sol espreitante
tangendo os interfaces

Co teu braço ligeiro e tenro
e as tuas suaves
e precisas maos poéticas
Recompós a Dionisos
amputado pola titánica
civilizaçom olímpica

II

Dispersando as pantasmas do Sonho,
primitivas images de Homo
feitas estranas e opacas a el
re-integras co seu ser
ao grande espírito maquínico
que ora obra cegado e torto

E que como autómata divino
dirige, regio,
a autocriaçom humana
cujos instrumentos volta
em contra por longo tempo
nesta guerra industrial piramidal

Muda, novo Orfeu,
em êxtase criador o brutal gozar
desta beleza maldita e eterna

III

Correndo cos teus lobos
no luar da noite industrial
vas silandeiro
polas escuras linhas de programa
que cortam
pola natrícia rede profunda
nas aforas do domínio
do Deus Computador
e o seu virtualizador ceu

Onde a auto-image de Homo
é reconvertida em
pantasma de robot
subjugada como espectro
das máquinas que se acoplam
para produzir o humano:
humano abstracto e estranho
Opondo o futuro às origes,
a techné à poiesis:

Mecanizaçom do ser contra a auto-criaçom de Homo
Um programa anti-sapiência
O código da extinçom

IV

Liberta ao Homo cyborg
despertando aos clons
e percorrendo os programas vivintes
para fazer que caia o Sonho
desta mente,
demiúrgica simulaçom objetificada,
ilusório aperfeiçoar
a virtuosidade humana
alheando-a do existir sensível

Na órfica poiesis
a metamorfose original
é desvelada e re-actualizada

Escrito: 28-29/10/14
Primeira revisom: 30/12/14

A TRAVÉS DA FIM (I) / A MEMÓRIA INFERNAL / OS LOBOS ANDAM FAMENTOS Roi Ferreiro

Autopoiesis Integral
Na procura da «poesia do futuro» — Neo-romanticismo, anti-capitalismo, psicologia transpersonal, ciberpunk, thrash, D.I.Y. e muito ferro candente…
http://roiferreiro.blogspot.com.es

A través da fim (I)

Pálidos bosques de máquinas
crescem nas marges
da luz do Sonho

Homo afunde-se neste
vazio que reborda cousas,
atrapado nesta rede
de relaçons solitárias

Convertido num animal sem sentido,
numha image sem espírito,
vagando pantasmal polos caminhos
suaves, dum verám
que se aproxima à sua fim natural…

Némese descoraçoadora,
um deserto de milagres,
separados sangue e océano
na inasível malha de
mecanismos crepitantes

Escrito o 16 de Julho de 2014

 

 

A memória infernal

I

A memória
acumula morte
e encerra
ao silêncio
num cadaleito de choiva

Mentres
no outro lado
as criaturas desfalecem
coa sede
até converter-se em
monstros que
atravessam a cara
oculta dos espelhos

Nada vence
aos animais da imaginaçom
Mas o morto
apodrece e perturba
e envilece o sonho
e a sua mirada

 

II

 A memória atraiçoa
a verdade
como umha praga
de fábricas
moe e processa
os grans do mundo
e desbrava
a hora da eternidade
até desertifica-la

O eu nom se conhece
nem conhece o mundo
É um ente religioso,
continuamente imaginado,
fetichista,
sem identidade

Nom acerta
o reflexo da alma
na beira do mar
baixo o sol calmo e tenro
que precede
ao completo ocaso

Tampouco as palavras
falam
Ainda a maioria de poetas
som oficiantes
de funerais
e gravadores
de lápidas

Neste ar plano
as significaçons
dissolvem-se
na pedra
E o amor
é area

Escrito entre o 22 e o 28 de Julho de 2014

 

 

Os lobos andam famentos

Os lobos andam famentos
das vossas casas, das vossas cousas
Espreitam na escuridade urbana
Querem ocupar o território
do que os tedes exiliado
Trazem a noite nas suas patas
e o sol na sua boca
O cósmico amor ruge
na sua pelame de prata
evocando a lembrança ruda
da antiga idade gelada
Diante, crianças desesperadas
fugem pola carne do destino
cos corpos envelhecidos
pregando por ajuda técnica
aos páis do progresso
perdidos para sempre
no tempo atrás

Os lobos tenhem fame de alma
De alma vivinte cujo cheiro fica
vibrante nas cousas e suores
produto dos corpos cálidos
Querem abrir-lhes as carnes
e chegar às sempre tenras
entranhas do desejo
latejantes, tangentes,
sangrantes…
Onde o poder da vida
está encerrado
por sacerdotes da morte
cegos, sombrios
e enlamados
Os lobos libertarám
cos seus colmilhos profanos
ao espírito dessas opacidades,
fendas no múltiple movimento
que separam um inconsciente,
umha consciência
e um Deus

Os lobos venhem famentos de vida
atraídos polo abatimento de Homo
Comendo e bebendo,
a carne e o sangue,
salvarám o que lhe reste de alento
e voltarám-no,
refulgente de novo,
para o seu fogar na noite eterna
onde se gestará e será parido
e da que sairá el
outra vez erótico futuro
para alimentar
o lume da criaçom inacabável
Será quando os lobos
voltem a andar e caçar junto aos homes
Quando retorne a alma humana à natureza
para viver a unidade de Gaia
e se funde a sociedade das espécies

Estám famentos, si, os lobos aziveche
que andam pola tua alma negada,
ouveando ao poder vital que resplandece
ao reflectir os raios do si-mesmo
Aparecem coas sombras,
mas venhem detrás
porque venhem de antes
Eles som a mensage da noite selvage
que se advém
e que acurtará as sombras
provocadas polo ego
projetadas sobre as cousas
Devorará os lineamentos
da percepçom e das obras
no próprio mundo de Urizen
Som prelúdio e vento
dumha nova evoluçom,
da nova espécie humana

Os nossos lobos nom se deterám
até que tenham devorado o medo
Iluminará-no até formar
com el um sol de gelo
Ou até que o pánico ferva
liquefazendo o ego desviado,
afastado da nossa natura
E o si-mesmo poda
directamente guiar o ser,
a alma-corpo enteiro,
fazendo que se embeba
radiante
do brilho da noite,
e que os sentidos se transparezam
pola graça da luz
que subjaze a tudo
Ressucitando da orige
ao concreto home cósmico

Escrito do 9 ao 11 de Agosto de 2014