LUÍS PIMENTEL Claudio Rodríguez Fer

Videopoema manuscrito “Luís Pimentel” (1990)

 

Lémbraste, amigo Luís, de Lugo libre
antes do espanto sobre a lama?
Entraba a mañá pola túa praza
e a lúa abandonaba os bancos da alameda.
Dende a fiestra acristalada
vías levitar a túa cidade
no espello que levaban os obreiros.
Baixabas con coidado
por non crebar as sabas da néboa
e lentamente só ti paseabas.
(Lonxe os arrabaldes achegábanse).
A música do palco
poñía luvas brancas ás bandeiras.
Despois viña o solpor:
a hora en que a cidade era paisaxe.
Pola rúa subían as casas en muletas
e as murallas durmían redondas e brandas.
Ti dicías: “Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días, lentos)”.
E Lugo abandonábase á noite
velado polo seu poeta de garda.

Pero unha noite lenta de solpores
desamparaches de versos tanta calma.
E ti que crías que nun pobo pequeno
non había asasinos
comprendiches que a cidade morrera.
Con ninguén podías trocar o teu sorriso
e todos os rostros resultaban forasteiros.
Para ti xamais volverían ser ledas
as bandeiras que sangran anilina.
Os arrabaldes abatidos a balazos
queimaban os últimos farrapos
e os sucos abríanse aos cadáveres
que enchían de metralla as vísceras da terra.
E cada verso que escribías
resultaba ser un suco de bágoas
que se convertía en cuneta.
Lémbraste amigo Luís de Lugo en loito
baixo a sombra fugacísima das balas?

Poeta en nicho
cruzaches aínda a ponte do terror
e houbo máis palabras para os teus versos.
(Ti sabías que a cidade morrera).
Seguramente un día
saudaches os meus pais
no parque ou na alameda
e dixéchesme algo
porque eu xa cumprira un ano
e mantiña implacable a ledicia.
Pero ti sabías como ninguén
que os nenos tamén morren
que existen nenos solitarios e tristes
estraños nenos
que coñecen a morte.
Prematuramente desvelado
eu nunca esquecín a túa canción
para que un neno non durma.
(Nos arrabaldes xa non quedaban nenos).
Lémbraste amigo Luís de tanta sombra
sen luces pola brétema de Lugo?

 

Composición de *Lugo blues* (1987)

3 reflexións sobre “LUÍS PIMENTEL Claudio Rodríguez Fer

  1. CLAUDIO:
    Revives a Luís nun poema admirable
    i ntegrador da poesía única
    e non perdes nin sílaba de medula nin de linfa purísima
    e o corazón se move ao ritmo provinciano
    tan doce
    mentres neva sobre a praza querida
    e no vento hai bandeiras impunes
    e todo nos arrasa de amor e de saudade….

  2. Me hago eco de las palabras de Luz… qué poeta que encuentra imágenes tan elocuentes integrando el dolor y la belleza… sucos de bágoas converténdose en cunetas… Lugo y sus dos poetas…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *