BREVE APUNTAMENTO CONTRA O TEATRO DO DESTINO Paulo Hortak

“Non é que os oráculos calaran: os homes deixaran de escoitalos”.
Lichtenberg (1742-1799)

Dous non rifan se un non quer. Isto sábeo moi ben o poderoso, mais é divisa común dos que son, día tras día, asoballados pola súa condición servil. Que é o destino senón o miolo culpábel dun perecer rastreiro?

Precisamos o choio, a pugna, a traxedia episódica que significa, literalmente, o- sacrificio-ritual-do-cabrón. Mentres, natureza e vida, palcos e destinatarios estáticos do noso papanatismo, levan unha malleira.

A pregunta do fantoche: de que lle serve a alguén reflexionar sobre a impostura radical do seu tempo?

Non hai máis xuízo ao fin que aquel que xorde da liturxia e da perpetuación da inxustiza. Apertando a loita, ese outro sino, tratarás de evadir sen suceso a sobreactuación e o patetismo da interpretación. Apenas a restauración revolucionaria da anarquía orixinal cuestionará por algún tempo o ordeamento e as súas tremoias. A sociedade interpreta a súa farsa no espazo ficcional da crenza, mais require o atrezzo mineral das túas bágoas. O actor do destino precisa de ti, o seu público.

Pese ao suxeito teatral e á metafísica causal que o suxeita, nace o actante libre para identificar no seu propio corpo a natureza orgánica do conflito e tomar consciencia das súas propias accións. O clan-destino elude o espectáculo. O sen-destino exerce a vontade para identificarse no cariño do posíbel, para ocultar e ampliar os límites da súa existencia.

Erguer a vontade sobre a dupla vida onde nos desbota a civilización do diñeiro é facermos un propósito, odiar e amar sen finximento e desatender a imposición normativa dun xogo que se denuncia como adestramento.

Fronte ao fado-masoquismo relixioso cabe esquencer todas as habilidades e itinerarios do escravo. Fronte á desgraciada miraxe burguesa, apenas cabe o consolo de que é posíbel outro mundo sen nós?

[Último acto]

Primeiros auxilios: amor e risos mentres despedimos ao médico.

Outubro de 2011

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: Expoplanetarium.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio. El Titular ha contratado los servicios de alojamiento web a Dinahosting S.L. que actúa como encargado de tratamiento.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.