Arquivo da categoría: ARTEFACTOS

NACIONALISMO E ANARQUISMO VVAA

O libriño/"panfleto" Nacionalismo e Anarquismo foi editado polo colectivo Treboada no ano 1992. Ano significativo por todos os fastos como a exposición de Sevilla, as olimpiadas de Barcelona ou a celebración do Vº centenario do xenocidio de América. Foron anos de bastante actividade a nivel contestatario e se debatía de moitas ideas e prácticas que concernían a diferentes ámbitos políticos e como non ao ámbito libertario. O tema do nacionalismo suscitou e suscita moitas controversias a nivel xeral e se o focalizamos nos parámetros do eido libertario pois o tema chega acalorar de grande maneira. Treboada que se adicou despois máis a edición de música punk e hardcore, na súa maioría galega de maneira alternativa, xuntou neste libriño a autores e colectivos libertarios de moito peso que dan a súa opinión de distintas facetas asociadas á temática, rompendo quizais, isto o dicimos ilusamente, os mitos do anarquismo máis ríxido con respecto ao tema.

ARCO DA VELLA (PENSAMENTO LIBERTARIO GALEGO) 1 VVAA

Arco da Vella (Pensamento Libertario Galego) foi unha publicación de carácter libertario editada polo colectivo Arco da Vella en Santiago de Compostela.
Publicáronse catro números, a comezos dos anos 80. Estaba escrito integramente en lingua galega, e contou cunha tirada de 1.000 exemplares, con depósito legal. Aparecía impreso con moitas ilustracións, presentado con follas de distintas cores e con formatos distintos, así como pegotes e obxectos engadidos (pedazos de espello, letras de sopa…).
Entre os seus colaboradores están Carmen Blanco, Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Claudio Rodríguez Fer, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Dionisio Pereira, María Balteira (pseudónimo de Rosa Bassave Roibal), Alberto de Esteban Gracia, Susana Antón, Albino Prada, Manuel Xirimbao, César Rodríguez, Álvarez, Cide, Cobas, Llamazares, Miragaia, Prada, Díez, Rábade, Louxas, Alvite, Barba, ou Vétula.
Tiña unha liña claramente anarcocomunista, libertaria, galeguista e pro-CNT. Máis que polo seu contido, destacou pola súa extraordinaria presentación, con pingas de vangardismo.
No 1º número aparece o artigo “o Estado non é a patria”, firmado pola Federación Anarcocomunista Galega. Falábase tamén de temas diversos como o parto natural, a loucura e os manicomios, a identidade galega, a enerxía nuclear, o antimilitarismo, a cociña natural ou os problemas urbáns. Inclúe un texto de Eva Forest.
O número 2 apareceu no verán de 1981, con 30 páxinas máis cubertas e engadidos, e cun formato de 27 x 42 cm. Fala de temas como a homosexualidade, o caso Scala, a prisión de Herrera de la Mancha, a heterodoxia anarquista, ou a protección animal.
O número 3 editouse no verán de 1982, con 36 páxinas máis oito do anexo, cun formato de 21 x 27 cm e 13,5 x 27 no anexo. Trata temas como a lingua galega, o campo, a apicultura, a tecnoloxía alternativa ou a gastronomía.

gl.wikipedia

Presentamos aquí para poder visualizar e descargar ao mesmo tempo o primeiro número que apareceu en 1981 da revista Arco da Vella. Pensamento libertario galego, que editaba a Cooperativa Reprografía 1846 en Compostela.
 Facémolo porque consideramos que é imprescindible facer os exercicios de memoria precisos para rescatar e non deixar atrás proxectos que foron moi importantes na época, entre outras cousas, por que non se vai dicir, porque eran moi minoritarios e sen embargo existiron, como teñen existido outros aos que acollerse xa que serven de exemplo para continuar expresando a nosa disconformidade co establecido e seguir sementando as ideas libertarias tan obviadas nestes tempos.
 Hoxe en día que repuntan dalgunha maneira certas historias que teñen que ver co fanzine, a autoedición e a modernidade pensamos que é significativo que na Galiza de principios dos oitenta existira algo como Arco da Vella.

DE VIVIR. CUADERNOS DA GADAÑA 3 Xosé Dono

Os Cuadernos da Gadaña (colección patrocinada pola Irmandade Galega de Madrid e con deseño de Xosé Manuel Pereiro) viron a luz no ano 1979 e arrancaban cun número 0 no que se reproducía un escrito de Luís Seoane, “Textos encol da Arte Galega”, publicado en Bos Aires xunto cun cartafol de debuxos inéditos que servirían para ilustrar un libro de Carlos Oroza. Do pintor, estudoso e teórico da arte, ofrécensenos tres capítulos: “Arte galega”, “Anotacións sobre da creación artística” e “Nota encol da arte galega” onde Seoane reivindica que “non se pode prescindir dos que traballan fora, pois proieitan a Galicia lonxe dela e polas mesmas razós que nengún país da terra renuncia ós seus fillos”. Así eran presentados, no Limiar desta primeira entrega, estes “Cuadernos”: “arelan ser unha publicación discontinua, de carácter experimental, na que se recollan unha serie de traballos realizados hai anos e non pubricados deica agora por razóns de todos sabidas, secomasí as novas experiencias /…/ e tamén números monográficos adicados ben a un escritor, ben a un pintor…”. Logo viría o especial dedicado aos “Poemas Caligráficos” de Uxío Novoneyra, cun prólogo realizado por Reimundo Patiño no que salienta o traballo do poeta: “un home do Caurel, labrego e druida, fixo o relato das penedías, dos cumes, do xordo e anónimo devir das augas, do rítmico sobrepoñerse das colleitas, do impersoal estar xeolóxico das terras”. E aínda a parecerían dos volumes máis: o libriño de Xavier Vaz “O muíño de antrasaguas”, unha prosa na que, en verbas de Reimundo Patiño, “hai unha concepción animista da natureza na persoalización de animás e cousas…”, e o denso volume lírico da autoría de Xosé Dono, titulado “De vivir (Noiturno de pub. Caledonia. Santuarium)” aparecido no ano 1980 con ilustracións de Reimundo Patiño.

“Brais Pinto e a creación nos Cuadernos da Gadaña”, Xavier Castro Rodríguez, Galicia Hoxe

ULTRAGRÁFICO recupera o derradeiro volume cos tres poemarios de Xosé Dono como se comentaba aparecido en 1980. Chegou un exemplar as nosas mans e pareceunos que ao igual que co resto de entradas desta nova actualización do noso blog deberíamos facer un exercicio de memoria porque moitas veces hai cousas que non se lles dá/deu a saída que merecían. Nós non somos ninguén, somos conscentes do pouco alcance dos nosos verquidos, será millor tamén así, mais mentras podamos gústanos resaltar o que nos semella que merece a pena e estes poemarios de Xosé Dono nos fixeron meditar e non só mostralos senón que nos levou ao feito de mostrar esas outras dúas novas entradas do blog desde o punto de vista da memoria. E así unhas cousas levan as outras e ademáis do "Cuaderno da Gadaña" nº 3 pois animámonos e reeditamos dixitalmente o libriño nacionalismo e anarquismo e o primeiro número da revista libertaria Arco da Vella. Que aproveite!