Arquivo da categoría: ILUSTRACIÓN/PINTURA

REFLEXIÓN María Xesús Díaz

Non sei contestar cando, como ou porqué xurdiu na miña vida tal complicidade coa pintura, penso que o sentín así desde que puiden expresarme.

Disfrutaba facéndoo, aínda que ás veces tamén me contrariaba. A creación emerxía tanto esperta como durmida, e aínda me segue pasando a día de hoxe.

Pintar, e crear, non é sempre da maneira que pretendes, case nunca diría eu…o que imaxinas, a idéa orixe é soamente iso, unha idea.

Ao longo de todos estes anos, a complicidade coa pintura sempre está aí, entre o real e o imaxinario, o que ten sentido e o disparate, un “ser ou non ser” constante pendulando sobre a miña cabeza.

Sen dúbida, a procura do equilibro faime evolucionar e alimenta a miña traxectoria.

Grandes e pequenos espazos, onde a mancha é unha proposta nun escenario que recoñecido como paisaxe, deixa voar a imaxinación ao que cada un queira entender.

En todo camiño de evolución deixamos vías, unhas pechámolas e outras quedan latentes. No meu caso, manteño eses escenarios concretos, pero sen saber nunca onde localizalos.

O meu reto sempre é transmitir emocións e sensacións de expectativa, para que o ollo contemplativo percorra dun lado a outro a obra, para quen queira, mirar, ver, analizar, sentir e verbalizar.