Arquivo da categoría: VÍDEO
REVOLUCIÓN Fátima Bermejo
Vídeo-interpretación por Fátima Bermejo de “Revolución”,
Slawomir Mrozek do libro “A vida difícil”.
O VERBO Clara Vidal
PAI MEU (AMÉN, CAMARADA) Claudio Rodríguez Fer
Videopoema PAI MEU (AMÉN, CAMARADA), de Claudio Rodríguez Fer (París, 2018)
CAMINHO LONGO FINAL / PRESAUSENCIA Ad Hoc
Caminho Longo Final. Vídeo sobre improvisación musical a cargo do grupo de acción poética Ad Hoc (Pedro Lamas, Ramón Cruces, Antonio Rivas, Roque Mosquera e Lois G. Magariños) e texto de Neira Vilas realizada na Filloaldea de O Tremo, Brión, Febreiro de 2010.
Presausencia. Vídeo-improvisación realizada en Caldas de Reis coa colaboración do bailador Xosé Candal e improvisación musical a cargo de Ad Hoc para o filocafé Presencias, Esencias, Ausencias celebrado en Rois no ano 2006.
AURORA BOREAL NO DORMITORIO Adriana Pérez
LUÍS PIMENTEL Claudio Rodríguez Fer
Videopoema manuscrito “Luís Pimentel” (1990)
Lémbraste, amigo Luís, de Lugo libre
antes do espanto sobre a lama?
Entraba a mañá pola túa praza
e a lúa abandonaba os bancos da alameda.
Dende a fiestra acristalada
vías levitar a túa cidade
no espello que levaban os obreiros.
Baixabas con coidado
por non crebar as sabas da néboa
e lentamente só ti paseabas.
(Lonxe os arrabaldes achegábanse).
A música do palco
poñía luvas brancas ás bandeiras.
Despois viña o solpor:
a hora en que a cidade era paisaxe.
Pola rúa subían as casas en muletas
e as murallas durmían redondas e brandas.
Ti dicías: “Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días, lentos)”.
E Lugo abandonábase á noite
velado polo seu poeta de garda.
Pero unha noite lenta de solpores
desamparaches de versos tanta calma.
E ti que crías que nun pobo pequeno
non había asasinos
comprendiches que a cidade morrera.
Con ninguén podías trocar o teu sorriso
e todos os rostros resultaban forasteiros.
Para ti xamais volverían ser ledas
as bandeiras que sangran anilina.
Os arrabaldes abatidos a balazos
queimaban os últimos farrapos
e os sucos abríanse aos cadáveres
que enchían de metralla as vísceras da terra.
E cada verso que escribías
resultaba ser un suco de bágoas
que se convertía en cuneta.
Lémbraste amigo Luís de Lugo en loito
baixo a sombra fugacísima das balas?
Poeta en nicho
cruzaches aínda a ponte do terror
e houbo máis palabras para os teus versos.
(Ti sabías que a cidade morrera).
Seguramente un día
saudaches os meus pais
no parque ou na alameda
e dixéchesme algo
porque eu xa cumprira un ano
e mantiña implacable a ledicia.
Pero ti sabías como ninguén
que os nenos tamén morren
que existen nenos solitarios e tristes
estraños nenos
que coñecen a morte.
Prematuramente desvelado
eu nunca esquecín a túa canción
para que un neno non durma.
(Nos arrabaldes xa non quedaban nenos).
Lémbraste amigo Luís de tanta sombra
sen luces pola brétema de Lugo?
Composición de *Lugo blues* (1987)