O PUNTO DO MEDIO
Libertad para ti, ya podrás volar de nuevo
Foi ao teu xeito
que procurabas a beleza orixinal
cando apostaches pola delincuencia.
Aínda lembro o teu riso mallado,
as lerias de paspán, os trompos
e os nervios de prófugo ao volante
daquela nosa rancheira 124.
Ti quixeches vivir
na ventura fermosa, sen pro forma.
Aínda sinto
o alborozo cómplice da fuga
e a túa ollada dura na traizón.
A delación forzaba a túa inocencia.
Ti procurabas lume
na amizade fraterna
e eles facían partido
botándoche os marróns.
Tomaches posesión
e aboliron o tempo para amar.
Golpes, bañeiras, cuartelillo.
Desde moi neno
no teu rostro unha proba
da súa mao covarde.
Mais nunca sacaron nada para si
pois xa chegaban tarde
nas razóns.
A túa voz
naceu lastrada
polo pranto.
Mataches o pai morto
e queimaron a túa pel
coas súas cadeas.
Roubaches liberdade
e foches condenado
ao caldeiro e á morte.
Aínda me ocupa, colega,
aquela nosa teima adolescente;
a vida nos rebordos
desde o punto do medio,
co mesmo afán de sempre
por zafar da violencia.