ARCO DA VELLA (PENSAMENTO LIBERTARIO GALEGO) 1 VVAA

arcodavella-1Preme na imaxe para ver/descargar o pdf

Arco da Vella (Pensamento Libertario Galego) foi unha publicación de carácter libertario editada polo colectivo Arco da Vella en Santiago de Compostela.
Publicáronse catro números, a comezos dos anos 80. Estaba escrito integramente en lingua galega, e contou cunha tirada de 1.000 exemplares, con depósito legal. Aparecía impreso con moitas ilustracións, presentado con follas de distintas cores e con formatos distintos, así como pegotes e obxectos engadidos (pedazos de espello, letras de sopa…).
Entre os seus colaboradores están Carmen Blanco, Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Claudio Rodríguez Fer, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Dionisio Pereira, María Balteira (pseudónimo de Rosa Bassave Roibal), Alberto de Esteban Gracia, Susana Antón, Albino Prada, Manuel Xirimbao, César Rodríguez, Álvarez, Cide, Cobas, Llamazares, Miragaia, Prada, Díez, Rábade, Louxas, Alvite, Barba, ou Vétula.
Tiña unha liña claramente anarcocomunista, libertaria, galeguista e pro-CNT. Máis que polo seu contido, destacou pola súa extraordinaria presentación, con pingas de vangardismo.
No 1º número aparece o artigo “o Estado non é a patria”, firmado pola Federación Anarcocomunista Galega. Falábase tamén de temas diversos como o parto natural, a loucura e os manicomios, a identidade galega, a enerxía nuclear, o antimilitarismo, a cociña natural ou os problemas urbáns. Inclúe un texto de Eva Forest.
O número 2 apareceu no verán de 1981, con 30 páxinas máis cubertas e engadidos, e cun formato de 27 x 42 cm. Fala de temas como a homosexualidade, o caso Scala, a prisión de Herrera de la Mancha, a heterodoxia anarquista, ou a protección animal.
O número 3 editouse no verán de 1982, con 36 páxinas máis oito do anexo, cun formato de 21 x 27 cm e 13,5 x 27 no anexo. Trata temas como a lingua galega, o campo, a apicultura, a tecnoloxía alternativa ou a gastronomía.

gl.wikipedia

Presentamos aquí para poder visualizar e descargar ao mesmo tempo o primeiro número que apareceu en 1981 da revista Arco da Vella. Pensamento libertario galego, que editaba a Cooperativa Reprografía 1846 en Compostela.
 Facémolo porque consideramos que é imprescindible facer os exercicios de memoria precisos para rescatar e non deixar atrás proxectos que foron moi importantes na época, entre outras cousas, por que non se vai dicir, porque eran moi minoritarios e sen embargo existiron, como teñen existido outros aos que acollerse xa que serven de exemplo para continuar expresando a nosa disconformidade co establecido e seguir sementando as ideas libertarias tan obviadas nestes tempos.
 Hoxe en día que repuntan dalgunha maneira certas historias que teñen que ver co fanzine, a autoedición e a modernidade pensamos que é significativo que na Galiza de principios dos oitenta existira algo como Arco da Vella.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.